luns, 27 de novembro de 2017

Pinchacarneiros

Vía Pixabay
Licenza CC0 DP
Durante estas semanas as clases de 3ºA e 4º de E.P. practicarán os pinchacarneiros cara adiante e cara atrás. A continuación presentaremos como se fan estas habilidades de xiro e algúns dos erros máis comúns que debemos evitar.
O pinchacarneiro cara adiante realizámolo seguindo as seguintes fases:
Fase inicial: coas pernas flexionadas, hai que levar o corpo cara adiante coas pernas flexionadas, tendo en conta que as mans estean apoiadas no chan e co queixo apoiado no peito.
Fase de execución: elevar as cadeiras cara arriba e cara adiante, estendendo as pernas de xeito progresivo, de forma que comecemos a rodar sobre as costas co corpo agrupado.
Fase final: os pés tocan o chan e, sen apoiar as mans, comeza a extensión de todo o corpo.
© Olga Cabaleiro

Erros:
- Apoiar a cabeza no chan.
- Levar as costas estendidas.
- Non apoiar as mans.
- Non desequilibrarse cara adiante.
- Levantarse apoiando as mans.

O pinchacarneiro cara atrás realizámolo seguindo as seguintes fases:
Fase inicial: colocarse mirando cara o lado contrario cara o que imos xirar coas pernas flexionadas e os brazos estendidos cara adiante. Deixarse caer levando as mans a altura das orellas.
Fase de execución: levantar os pés do chan e xirar sobre as costas, de forma que as mans se apoien no chan por diante dos ombreiros.
Fase final: cando a cadeira pasa pola vertical os pés van cara o chan podendo impulsarnos coas mans para levantarnos.
© Olga Cabaleiro

Erros:
- As mans no se colocan de forma correcta.
- Impulso insuficiente.
- Non xirar sobre as costas.
- As costas están estendidas.
- Irse cara un lado.
- Os brazos non se estenden.


Nas dúas imaxes dos pinchacarneiros, extracto do documento elaborado por Olga Cabaleiro, observaredes as diferentes fases explicadas nesta entrada e na clase.
Saber executar estes xiros faranos máis hábiles e prepararanos para realizar outro tipo de habilidades con maior complexidade. Ademais de estar presentes nalgúns deportes como ximnasia artística ou rítmica, tamén axudan a realizar xestos técnicos como as caídas en voleibol ou judo, entre outros. Sendo máis coordinados/as e hábiles poderemos salvar situacións da vida diaria como algunha caída.
Coñecedes máis deportes nos que tedes que realizar pinchacarneiros?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Escribe o teu comentario e axúdanos a mellorar. Lembra consultar as instrucións para comentar...

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...