luns, 19 de novembro de 2018

Agachados na sombra

Os nenos/as de 3º de E.P. desenvolverán o superpoder de ser invisibles e agacharse nas sombras. Nesta misión aprenderemos o que é o teatro de sombras e a utilizalo para representar distintas figuras, que transmitan diferentes accións ou personaxes.

luns, 22 de outubro de 2018

Bailamos!

Photo by Ahmad Odeh on Unsplash
Os incribles tamén gostan da música, por este motivo hai unha carta que dá dereito a escoller a música que se utiliza en clase de educación física. Hoxe bailamos e xogamos coa lista que elaborou unha alumna de 2ºC, utilizando o dereito que lle daba a carta que gañou. Para que todos poidades escoitar e comprobar o bo gusto musical deixámosvos a lista de reprodución, xa vos avanzo que máis nenos/as están preparando as súas eleccións para clase.

luns, 8 de outubro de 2018

Descubrimos os nosos poderes

Photo by Diego PH on Unsplash
Iniciamos a segunda misión na que tentaremos descubrir e comezar a dominar os superpoderes que posúen os nenos/as incribles do CEIP Emilia Pardo Bazán. Os nenos/as de segundo teñen que dominar as técnicas de estar quietos e inmóviles para pasar inadvertidos e ser invisbles, pola súa parte os incribles de terceiro teñen que coñecer o seu corpo á perfección, coñecer as articulacións e algúns músculos, así como saber utilizar e orientarse á esquerda e á dereita.

mércores, 26 de setembro de 2018

Subindo chanzos

Photo by Jake Hills on Unsplash
Moitos de vós xa estades chegando ao mínimo de puntos para poder cambialos por cartas lendarias, pero tamén podedes utilizalos para obter temporalmente as cartas de privilexio. Presentámosvos o álbum que contén estas cartas para que consultedes se queredes aforrar os puntos para algunha destas ou ben gastalos.

mércores, 19 de setembro de 2018

O álbum dos incribles

Photo by Wayne Low on Unsplash
Presentámosvos o Álbum das cartas lendarias que se poden ir coleccionando, ata o momento hai un total de 14 cartas lendarias, pero ao longo do curso poderá haber máis.
Se pasades o rato por enriba do cadrado aparecerá o modelo da carta que podedes conseguir.

martes, 18 de setembro de 2018

Exposición de superheroes

Ata o 29 de setembro na sede da Afundación estará aberta unha exposición sobre a presenza dos superheroes na banda deseñada. O título da exposición é "Superpoderes" e recolle obras dos debuxantes David Aja e David Rubín.
Se aínda non a visitastes podedes facelo de 17 a 21 h. na sede de Afundación no Cantón Grande.
Apurade e tomade apuntes para os vosos superpoderes!

Misión "Enrolámonos no Equipo Incrible"

Photo by TK Hammonds on Unsplash
O Equipo Incrible estará composto por nenos e nenas de 2º e 3º de Primaria que queren desenvolver os seus poderes para poder librar á cidade dos perigos que a ameazan. Un requisito para poder formar parte deste equipo será posuír o carné de Incrible, no que escribiredes o nome e os superpoderes que quereredes desenvolver. Con este carné identificarédevos para entrar nos adestramentos que faremos na Escola dos Incribles.

mércores, 12 de setembro de 2018

Seremos Incribles!

Fonte wikimedia Licenza CC0 DP
Iniciamos unha nova aventura, na que a través das clases de Educación Física nos converteremos en superheroes e superheroínas. Ao longo do curso iredes gañando cartas cada vez que rematemos unha misión, estas cartas servirán para coleccionalas e tamén para xogar. No primeiro trimestre haberá catro misións que vos axudarán como adestramento para ser Incribles.

domingo, 8 de abril de 2018

Os xogos dos nosos avós/as

O alumnado de 4º E.P. durante estas semanas practicará e investigará sobre xogos e bailes populares de Galicia. A primeira tarefa será falar cos vosos avós, avoas, pais, nais ou calquera outro familiar que vos explique a que xogaban cando tiñan a vosa idade e completar os diferentes apartados desta folla coa información que vos proporcionen.

Terceiro trimestre


Co comezo do terceiro trimestre xa están publicados os criterios que se utilizarán para a avaliación nos diferentes temas deste período. Lembrade que tamén podedes consultalos na columna da esquerda.


luns, 19 de marzo de 2018

Rugby na escola


A pasada semana visitounos Tania, integrante do equipo feminino do CRAT, para facer un achegamento ao deporte do rugby entre os nenos/as de 3º, 4º, 5º e 6º de E.P. Nas distintas sesións o alumnado practicou xogos adaptados para coñecer algunhas das técnicas e dinámicas do xogo.

Desde as sesións de E.F. tratamos que dominen fundamentos e destrezas tácticas que se poidan aplicar a un amplo número de deportes, procurando, segundo Bunker e Thorpe, que "O ensino do deporte debe favorecer a formación de espectadores "cultos" e xogadores intelixentes".
Se vos interesa ter máis información sobre o rugby podedes picar nestes enlaces:

luns, 15 de xaneiro de 2018

Xogamos a saltar

Saltar á comba é un xogo popular que ten innumerables beneficios físicos, desenvolvendo tanto a condición física como a coordinación. Este exercicio simple, divertido e que necesita pouco material fai desta actividade idónea para desenvolver nas clases de educación física e no tempos de lecer.

mércores, 10 de xaneiro de 2018

Comunícome co corpo!

Mimo I // Mime II By Eva Peris
Licenza CC BY-SA
Durante estas semanas os nenos/as de terceiro traballarán co seu corpo para expresarse e comunicarse cos demais. Ao final deste período representarán unha escena creada en grupo sobre unha aventura de Andrés e Carmen (cuxa descrición tedes ao final desta entrada).

luns, 8 de xaneiro de 2018

Xa estamos aquí!

Feliz ano 2018!
Finalizadas as festas comezamos un novo trimestre e temos publicados na sección de avaliación de cada un dos cursos os criterios que seguiremos para avaliar durante este trimestre, así como os temas que se desenvolverán neste período.
Desexámosvos un bo regreso a clase!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...