mércores, 12 de setembro de 2018

Seremos Incribles!

Fonte wikimedia Licenza CC0 DP
Iniciamos unha nova aventura, na que a través das clases de Educación Física nos converteremos en superheroes e superheroínas. Ao longo do curso iredes gañando cartas cada vez que rematemos unha misión, estas cartas servirán para coleccionalas e tamén para xogar. No primeiro trimestre haberá catro misións que vos axudarán como adestramento para ser Incribles.
Outra novidade é que iredes sumando puntos en cada clase de EF, que iredes acumulando ata que decidades cambialas por unhas cartas temporais cun número de usos determinado ou por cartas especiais que podedes coleccionar. Utilizaremos a aplicación Classdojo para que poidades ver desde a vosa casa os puntos que ides acumulando; de todos os xeitos, cada dúas semanas publicarase no taboleiro o listado de puntos de cada de un de vós. Cando os puntos se utilicen para cambiar por cartas perderanse, pero seguirán contando para a puntuación final do trimestre, xa que os 3 nenos/as de cada clase que máis puntos teñan recibirán unha carta especial.
Tipos de cartas:
Cartas de privilexio
Cartas de privilexio: permitirán escoller un privilexio temporal nalgunha clase de EF como escoller música (20 puntos), ser o primeiro/a da fila (30 puntos), escoller o xogo de quecemento (40 puntos), escoller compañeiro/a ou grupo (50 puntos), escoller xogo libre individual dez minutos (90 puntos).

Cartas de misión
Cartas lendarias
Cartas de misión: gañaranse ao finalizar cada misión, en función dos adestramentos e do voso labor obteredes cartas con menor ou maior poder.

Cartas lendarias: son especiais e obteranse cambiando puntos ou ao finalizar o trimestre sendo un dos tres nenos/as do grupo que máis puntos tiveran.

En cada clase o número máximo de puntos que se poden gañar serán 5 cumprindo os criterios que se establecen para todas as misións.
En próximas entradas iremos desenvolvendo e explicando con maior detalle cada un destes aspectos.
Este proxecto de gamificación das nosas clases está baseado noutros proxectos como SuperdojoEF, The last healthy Jedi e Star Wars Project.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Escribe o teu comentario e axúdanos a mellorar. Lembra consultar as instrucións para comentar...

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...